Thursday 18 de April de 2024

Seguir innovando en tempos de pandemia


2 selos de calidade europeos máis para o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro

Nun curso convulso marcado polas restricións e os estritos protocolos COVID, o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro seguiu apostando pola innovación e os proxectos internacionais. O seu lema “Apart but together” (separados pero xuntos). Se na aula debían gardar a distancia de seguridade e non compartir materiais, tenderían pontes a través das redes e formarían equipos de traballo internacionais. Así, tiveron moi claro que era o momento de continuar colaborando cos diferentes socios europeos e, dende a área de lingua estranxeira (inglés), participaron en dous proxectos eTwinning.

O primeiro deles “Web2English” levado a cabo en 5º curso de Educación Primaria, agrupou a 24 socios de 12 países diferentes. O obxectivo, formarse en diferentes ferramentas TIC útiles para o ensino do inglés, especialmente se voltábamos a un escenario de ensino virtual. O alumnado non só participou, se non que deseñou ferramentas e actividades para a súa propia aprendizaxe que despois compartiu cos demais socios e puxo en práctica en videoconferencias. Empregáronse aplicacións como Kahoot, Quizizz, Story Jumper, Wordwall, Quizlet, Edpuzzle, Flipgrid, Padlet, Educaplay, Canva, Mentimeter… O éxito do proxecto foi tal, que tivo unha segunda parte máis enfocada ao xogo na aula de inglés “Games with Web 2 Tools”.

O segundo proxecto, “L@ngu@ges4all” desenvolvérono os alumnos/as de 6º de Primaria en colaboración con outros 56 centros de 25 países. Nesta ocasión a temática era a diversidade lingüística do continente europeo. Traballáronse as catro linguas que estudan no centro (galego, castelán, inglés e francés), outras próximas coma o éuscaro, o portugués ou o italiano pero tamén outras que nos resultan máis afastadas coma o turco, o romanés, o polaco, o irlandés, o croata… Tampouco nos esquecemos da lingua de signos. Como obxectivo final, crearon un dicionario multilingüe de palabras e expresións básicas para desenvolverse en calquera destas linguas.

Ámbolos dous proxectos recibiron, hai uns días, o recoñecemento da prestixiosa plataforma eTwinning, que lles otorgou primeiro o Selo de Calidade Nacional e, posteriormente, tamén o Selo de Calidade Europea por acadaren un nivel de eficiencia educativa e uns estándares de calidade grazas ao traballo levado a cabo polo alumnado e profesorado. Estes novos recoñecementos súmanse aos xa obtidos o pasado curso co proxecto Robot European Dance, facendo un total de 4 Selos de Calidade Nacionais e 3 Selos de Calidade Europeos.

E este curso seguen innovando a través de proxectos internacionais e investigando no campo das linguas con outros dous proxectos “Languages are visions of life” e “Unidos por nuestras lenguas”. Tamén se animaron a cruzar o Atlántico co proxecto “Dos Orillas” co colexio Royal Palm Elementary School de Miami (Florida) en colaboración coa Agregaduría de Educación da Embaixada Española nos Estados Unidos.